MAC MARÍN
Inicio
PROGRAMACIÓN
CAMPAMENTO AUDIOVISUAL
NOVA IMAXE 5ª EDICIÓN
STREAMING
NOVAS
BASES
MAC MARÍN
Inicio
PROGRAMACIÓN
CAMPAMENTO AUDIOVISUAL
NOVA IMAXE 5ª EDICIÓN
STREAMING
NOVAS
BASES
Más
  • Inicio
  • PROGRAMACIÓN
  • CAMPAMENTO AUDIOVISUAL
  • NOVA IMAXE 5ª EDICIÓN
  • STREAMING
  • NOVAS
  • BASES
  • Inicio
  • PROGRAMACIÓN
  • CAMPAMENTO AUDIOVISUAL
  • NOVA IMAXE 5ª EDICIÓN
  • STREAMING
  • NOVAS
  • BASES
Dos hombres conversando en evento audiovisual.

NOVO PATROCINADOR

O HUB Audiovisual na 5ª edición da MAC Marín

 O Hub Audiovisual de Vigo é un proxecto estratéxico promovido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo para fortalecer a industria audiovisual do sur de Galicia. A iniciativa contempla a creación dun espazo dotado con platós de entre 300 e 1.500 metros cadrados, zonas de produción e posprodución, salas de edición, espazos formativos e infraestruturas adaptadas a ámbitos como o cinema, a televisión, a publicidade, a animación, os videoxogos, o son e as novas tecnoloxías audiovisuais. A súa finalidade é mellorar a competitividade do sector, favorecer a innovación, atraer producións e xerar emprego cualificado.


Na quinta edición da MAC MARÍN, o Hub Audiovisual desempeñou un dobre papel. Por unha banda, o Consorcio da Zona Franca de Vigo incorporouse como patrocinador oficial do festival, reforzando o apoio institucional a unha edición especialmente orientada ao encontro entre o audiovisual, os novos formatos e o talento emerxente. Por outra, o proxecto formou parte da programación profesional da xornada inaugural, celebrada no Museo Manuel Torres.


A presentación do Hub desenvolveuse dentro dunha mañá dedicada á industria audiovisual, na que tamén participaron o Circuíto Internacional de Webseries e o Independent Production Fund. A actividade permitiu achegar ao público, ás novas creadoras e creadores e aos profesionais asistentes as liñas de desenvolvemento do futuro centro audiovisual e a súa posible contribución ao crecemento do sector galego. A presenza do Hub axudou así a consolidar unha das aspiracións do MAC MARÍN: converterse progresivamente nun punto de encontro entre a veciñanza, o talento creativo, a industria e as institucións.


O Hub Audiovisual de Vigo estivo representado por David Regades, delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, quen presentou o proxecto e explicou os seus obxectivos dentro da programación inaugural. A súa intervención achegou ao festival unha perspectiva institucional e empresarial sobre o futuro da produción audiovisual en Vigo, no sur de Galicia e na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. (www.zonafrancavigo.com)


Lingazóns de interese: 

  • Noticia oficial da Zona Franca sobre o Hub Audiovisual de Vigo.


  • PontevedraViva na súa información sobre o inicio do festival.


  • Programa oficial da quinta edición do MAC MARÍN 

CONSOLIDACIÓN NA REDE DE FESTIVAIS DE GALICIA

MAC MARÍN intégrase en PROXECTA

A Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín – MAC MARÍN pasa a formar parte de PROXECTA, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, unha entidade que agrupa diferentes festivais e mostras audiovisuais de Galicia co obxectivo de fortalecer o sector, favorecer a colaboración entre eventos e defender o papel dos festivais como espazos fundamentais para a exhibición, difusión e promoción da cultura audiovisual.


A integración en PROXECTA supón para a MAC MARÍN un novo paso no seu proceso de consolidación e crecemento, permitindo reforzar a súa presenza dentro do mapa galego de festivais, establecer novas sinerxías con outros certames e participar de maneira activa nunha rede común de intercambio de experiencias, recursos e coñecemento.


Para a organización da MAC, esta incorporación representa tamén un recoñecemento ao traballo desenvolvido ao longo das súas edicións e ao seu compromiso por achegar o cinema e o audiovisual á veciñanza de Marín, apostando por unha programación diversa, polo talento emerxente e pola creación de novos espazos de encontro arredor do audiovisual.



VOLVE O CINECLUB!

Marín de Cine reactiva o Cineclub Marín cunha nova programación de outono

 

Marín de Cine anuncia a reapertura do Cineclub Marín, que retomará a súa actividade no mes de outubro cunha nova programación de proxeccións, ciclos e encontros con referentes do audiovisual galego.


A iniciativa dará continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos meses e reforzará a vontade da asociación de manter unha programación cinematográfica estable en Marín máis alá das datas da MAC Marín. A programación completa, que se estenderá ata o mes de decembro, será anunciada proximamente.


O Cineclub abre tamén a incorporación de novos abonados e abonadas. O abono anual individual ten un prezo de 30 euros e o abono familiar de 50 euros. Para información e altas pode contactarse directamente a través de cineclubmarin@gmail.com..


Copyright © 2026 MAC MARÍN - Tódolos dereitos reservados.

Marín de Cine - Club Audiovisual

Este sitio web emprega cookies

Empregamos cookies para analizar o tráfico do sitio web e optimizar a túa experiencia de navegación. Ó aceptar o noso emprego de cookies, teus datos agruparanse cos datos de tódolos demais usuarios.

RexeitarAceptar